A. D. Esteirana Remo

Asociación Deportiva Esteirana Remo

Historia

A historia da Asociación Deportiva Esteirana Remo comeza o 20 de agosto de 1988, nunha Asemblea extraordinaria de socios da Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Esteirana, na que se decide por unanimidade crear unha sección de remo.

Na temporada 1989 conta cunha plantilla de 18 remeiros e empeza a competir oficialmente na modalidade de batel. A tripulación infantil masculina consegue clasificarse para o Campionato Galego ese mesmo ano, e nos anos sucesivos o club sempre conseguiu ter representación nalgunha categoría no campionato autonómico.

O número de remeiros vai crecendo ano a ano, contando así con 23 na temporada 1990, e 27 na temporada 1991. Nesta temporada conséguese por primeira vez clasificar unha tripulación para o Campionato de España de bateles, algo que tamén sucedería nas temporadas 1994, 1995, 1996, 1999, 2000 e 2001.

Tamén na temporada 1991, o club empeza a competir na modalidade de traineriña, aínda que o fará puntualmente (1992, 1993, 1994, 1995 ,1999, 2002 e 2003).

En 1993 cóntase xa con 41 remeiros. Neste ano o club adquire una traíña de madeira de segunda man e inicia a súa andaina nesta modalidade, a modalidade raíña dentro do banco fixo, estando desde ese momento presentes ininterrumpidamente nas regatas que acollen as nosas rías, sendo na temporada 2003 a A.D. Esteirana Remo un dos clubs fundadores da Liga Galega de Traíñas.

Na temporada 1994 colleitase o primeiro éxito nun Campionato de España de bateles. A tripulación infantil masculina, despois de conseguir a clasificación para o campionato estatal tras clasificarse 3º no Campionato Galego, acada tamén un 3º posto e polo tanto medalla de bronce no Campionato de España.

Pero foi na temporada 1996 cando se gana a primeira medalla de ouro nun Campionato de España de bateis. Faino a tripulación infantil-cadete feminina que se proclama Campiona de España uns días despois de terse proclamado Campionas Galegas.

Un ano moi importante na historia do club foi 1997. Neste ano, en Asemblea de Socios da Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Esteirana, celebrada o 17 de agosto de 1997, decídese que a sección de remo (Esteirana Remo) teña os seus propios socios e ademais terá unha xestión económica e administrativa totalmente diferenciada da S. C. R. D. Esteirana, o que da lugar na temporada 2002 á constitución da Asociación Deportiva Esteirana Remo, sen perder o vínculo cunha entidade como a Esteirana que agrupa no seu seno equipos federados de remo, fútbol e atletismo, promocionando o deporte e a cultura nas últimas tres decadas.

Outro motivo reseñable de 1997 é que se empeza a competir en banco móbil ou remo olímpico, aínda que só o fai unha remeira do noso club cedida no C. R. Robaleira (A Guarda), conseguindo este club o 2º posto no Campionato de España en catro scull(4x) cadete feminino. Non será ata a temporada seguinte cando se compita realmente como club. Os éxitos nesta modalidade chegan na temporada 2000, cando se sube o podio no Campionato de España por primeira vez, conseguíndose en dobre scull(2x) cadete feminino a medalla de prata. Na temporada seguinte chegaría o éxito máis importante nesta modalidade, o dobre scull(2x) cadete masculino consigue a medalla de ouro no Campionato de España, sendo na temporada 2002 o ano no que por primeira vez unha bogadora da Esteirana Remo participa en probas de ámbito internacional. Sendo na temporada 2003 cando conseguimos con Eva Val un 2º posto mundial formando parte da tripulación 4xXF da FER.

Actualmente a Esteirana Remo conta con máis de 300 socios e socias, remeiros e remeiras de tódalas categorías que compiten tanto nas modalidade de banco fixo como de banco móbil ou remo olímpico, e tamén co apoio dunha sociedade que a impulsa e a que representa.

,

Comments are currently closed.